|
‘En precario’, primeira novela de Miguel Anxo Martínez
O xornalista denuncia en clave de humor a precariedade laboral en Galicia no seu primeiro libro, no que satiriza a conivencia dos empresarios cos poderes públicos
|
27/08/2009
"Claro, non se poden permitir doses esaxeradas de explotación. A precariedade debe administrarse con coidado, coma se fose un medicamento letal. Era esa a principal función dos políticos?", pregúntase Xosé Manuel, un dos protagonistas de En precario, a primeira novela do xornalista Miguel Anxo Martínez Oubiña (Vilanova de Arousa, 1976) que acaba de tirar do prelo Toxosoutos dentro da colección Nume.
A través das "aventuras" laborais que padece unha parella en Vigo, o autor -que na actualidade traballa na delegación de Arousa de Faro de Vigo- quere "denunciar en clave de humor" un asunto "importante da realidade galega, a precariedade laboral. Eu coñezo persoas que a sofren e teñen historias que poñen os pelos de punta", explica.
Dividido en seis días -a modo de capítulos-, o libro arrinca un luns cando un vendedor de comercio percorre as rúas da cidade olívica á procura de clientes, enfrontándose cun taberneiro fanático do Real Madrid ou co director dunha xestoría estafado polo seu propio xefe. Desfilan así polas páxinas de En precario personaxes que utilizan a súa convivencia cos poderes públicos para enriquecerse a conta dos seus empregados e dos seus clientes. "Resulta frustrante -apunta Martínez Oubiña- ver como as administracións públicas parecen premiar a determinados empresarios que non respectan os dereitos dos seus traballadores. Parece que teñen algo de carta branca para facer o que queiran."
Pero a precariedade prexudica especialmente a moza do vendedor, Marta, que traballa nun supermercado durante longas xornadas e por un soldo escaso. E por riba ten que aturar as ordes do dono do establecemento que está a organizar unha visita do alcalde da cidade ao seu negocio, unha das escenas máis irónicas e cómicas da novela. "Sería bo que as administracións públicas aplicasen un sistema para conseguir que as empresas puidesen presumir dunha política laboral moderna, digna e xusta cos dereitos dos seus traballadores. Ocorre o mesmo co medio ambiente: hai empresas que presumen de ter usos industriais limpos cando todo é mentira", indica o autor. "Se non es coñecido resulta difícil publicar"
O machismo rexe as relacións laborais dos personaxes do libro. "Se a precariedade laboral se ceba cos inmigrantes, as mulleres son as principais vítimas do sistema", destaca Martínez Oubiña.
Á fin, os protagonistas "son emigrantes dende o principio: é unha parella que sae dunha vila do rural e decide marchar a Vigo, a cidade industrial e cosmopolita por excelencia de Galicia. Propoño a reflexión de que se non poden frear a precariedade -un problema grave de Galicia-, non lles queda outro remedio que volver emigrar", asegura o xornalista.
Martínez Oubiña comezou a escribir En precario en outono de 2007 pero non lle resultou doado conseguir publicala. "A principios do ano pasado, envieina a varias editoriais pero non foi ata este ano que me respondeu unha. En xeral, para unha persoa que non é coñecida ou non gañou un premio literario non resulta demasiado fácil publicar, nesta situación de crise, e moito menos facelo en galego", explica o autor que está a recompilar relatos que tiña escritos para editalos.
"Divertinme moito escribíndoa"
"Divertinme moito escribindo esta novela. En principio tiña unha especie de guión cos personaxes pero ao final, coa escritura, estes xa tiñan vida propia e ían polo seu propio camiño", explica Miguel Anxo Martínez, que colabora como guionista co produtor audiovisual Federico de la Peña e foi presentador de televisión mais xornalista de viaxes."O traballo ocupa un terzo da nosa vida. Pero se en lugar de oito horas traballamos doce, acaba afectándonos negativamente. Ademais, non só o padece esa persoa, que está indefensa, senón que tamén resulta negativo para o seu contorno", asegura o autor que decidiu ambientar en Vigo a novela por ser o "escenario ideal" pola súa imaxe "industrial, obreira e cosmopolita".
Fonte: Galicia-Hoxe
|

|
|